|
R. C. Deportivo de la Coruña | home
Historia
O pai do fútbol coruñés non era ningún inglés, senón José Manuel Abalo Abad. Os primeiros choques xogáronse na praza de touros e pouco despois nacía o Corumna Football Club, primeiro club da cidade. Pronto se habilitan os terreos do Curralón da Gaiteira como campo permanente. Foi o primeiro na Coruña. Pero o Dépor nace nun centro de deportes. A Sala Calvet foi a referencia deportiva da cidade a finais do século XIX e primeiro tercio do XX. O 9 de xaneiro de 1907 nace o Deportivo Sala Calvet. O primeiro presidente foi Don Luis Cornide Quiroga e o capitán do equipo Juan Long. O encontro inaugural foi perante o Corumna, sendo a primeira aliñación deportivista Fojón, Deus, Long, Ángel Rodríguez, Álvarez, Aler, Martínez de Paz, Virgilio Rodríguez, López e Urioste. O resultado do choque foi Deportivo 2-Corumna 1.
Ese mesmo ano dispútase na cidade herculina o Campionato de Galicia e Asturias. O Dépor derrota o Corumna e logo cae ante o Sporting de Pontevedra. Este trofeo non fai máis que afianzar o éxito do novo deporte na cidade da Coruña.
O primeiro estadio de Riazor chegou o 16 de Maio de 1909 e o convidado foi o gran conxunto galego, o Fortuna de Vigo. Máis de 6.000 persoas asistiron o partido. Como colofón, nese mesmo ano, el-rei Afonso XIII concédelle ao club o título de Real. Antes da constitución da Liga en Primeira División, o Deportivo segue xogando torneos amigables, ademais do prestixioso campionato galego, pasaporte directo para o Nacional. O Dépor derrota seleccións de buques extranxeiros que paran na Coruña como os daneses "Gejser," os alemáns do "Graf Spee" ou os británicos "Shopwilding" e a constructora naval de Ferrol.
Nos anos vinte, o Dépor prepárase para comenzar a xogar a Liga española de Primeira División. Incluso ficharon varios futbolistas de calidade dentro do panorama galego, Luis Otero, Ramón González e Borrazás. Dous amigables marcan esta época. O primeiro contra a selección uruguaia, que rematou coa derrota deportivista por un máis ca decente 2-3. O seguinte rival foi o escocés Dundee United. As cousas non puideron ir mellor. No primeiro con empate a tres e ó día seguinte cinco a un para o Deportivo. Os xogadores británicos serían sancionados por baixo rendemento pola xunta directiva da entidade. Tamén pasa por Riazor o Boca Juniors, o Nacional de Montevideo e outros.
O Dépor contrata un adestrador austríaco, Woggenhuber. O técnico quería a primeira fichaxe estrela do cadro herculino: o canario Juan Marrrero. Nembargantes, os deportivistas quedan fóra da Primeira División. Na división de prata e na primeira campaña, os coruñeses rematan na oitava praza. Os anos pasan e o Dépor aínda non sobe. Moitos adestradores pasan polo club e os traspasos dos mellores xogadores debilitan o equipo. Chacho pasou ao Atlético de Madrid e Diz foille vendido ao Real Madrid.
A guerra paralízao todo. Con todo, o conxunto coruñés nunca chegou a interromper totalmente a súa actividade. Xa logo comeza a despuntar un rapaz chamado Xanetas, de nome Juan Acuña e que se convertiría no santo e sinal do clube en temporadas posteriores. O encontro decisivo tivo lugar o 6 de maio de 1941 en Vallecas diante do Murcia. O Dépor gañou dous a un na prórroga. Guimeráns foi o encargado de marcar o gol definitivo. Despois de dez anos intentando saír cara a Primeira, o Dépor estaba por fin entre os grandes.
O Deportivo afronta as primeiras temporadas con confianza. O debú é grande, acadando un excelente cuarto posto final. Tódolos grandes equipos de Primeira caen na Coruña. A temporada seguinte significa un paso atrás, principalmente polo cesamento do adestrador cando o Dépor marcha cuarto na táboa. Na 43/44 o Dépor sofre ata o final do campionato e sálvase ante o Constancia de Inca nunha promoción de permanencia. O ano non foi bo, preludio do que sucedería a posterior temporada. Sen Chacho nin Acuña, os deportivistas perden moito do seu potencial. Moi axiña os herculinos comenzan a perder gas e caen, de novo, na Segunda División. A única alegría dese ano é a inauguración de Riazor. O 29 de outubro de 1944, o Depor estréase no recinto insignia do clube ante o Valencia cun resultado de 2-3 para os ches. O primeiro gol marcouno o extremo Hernández. Ao final de temporada ten lugar un econtro amigable entre España e Portugal coa convocatoria do deportivista Pedrito.
O Dépor bota o resto na campaña 46/47 con Hilario Marrero no banquiño. O home do primeiro ascenso consegue xuntar un cadro de xogadores aceptable. Pero é cesado á metade do campionato e no último partido hai empate en Riazor entre Athletic de Bilbao e Dépor e os coruñeses quedan fóra do ascenso. O Deportivo é bautizado como "equipo ascensor" pola súa irregularidade. Na 47/48 acada o ascenso a Primeira e na 49/50 chega a un histórico segundo posto. Aquel equipo foi bautizado como a "Orquestra Canaro" na honra dunha música celestial. O adestrador chileno, Alejandro Scopelli, conxunta un equipo excepcional: Acuña; Pedrito, Guimeráns, Marquínez; Ponte, Martín, Botana, Tino; xunto ás importantes fichaxes Rafael Franco e Moll.
O subcampionato de Liga é o punto de inflexión na consolidación do equipo entre os grandes. A 50/51 é unha temporada desigual. Aínda que chegan os reforzos de Oswaldo e Corcuera o ano é moi irregular. O Dépor é capaz do mellor e do peor. Corcuera, Oswaldo, Franco, Tino e Moll eran bautizados como a orquestra Canaro na honra dun grupo musical arxentino. Pouco a pouco foise desmantelando o equipo. Tino marchou ao Zaragoza e Rafael Franco ao Valladolid. Foron anos nos que non se pasaron demasiados apuros para salvar a categoría. De feito, na temporada 52/53 desembarcaba "O Mago" Helenio Herrera para salvar o Dépor na promoción de descenso. Os anos seguintes son máis tranquilos. Riazor descobre un rapaciño chamado Luís Suárez na Copa de 1953 e ao final é traspasado ao FC Barcelona, xunto a Dagoberto Moll. Nesa mesma tempada, os herculinos fan unha xira por Suramérica. Outro "gurú" do deportivismo vístese por primeira vez de curto: Arsenio Iglesias. No ano 1956 esquiva a promoción de permanencia nas últimas xornadas e queda outra vez na Primeira Liga. Despois de xogar con lume un par de temporadas, os coruñeses acaban por retornar á Segunda División.
Co descenso a Segunda División, volven os tempos sen un peso no peto do cadro coruñés. Na primeira temporada na División de Prata o cadro deportivista ten problemas para non pasar apuros. O ano seguinte é momento de repescar a Oswaldo e Moll. Dous novos rapaces chegan ao primeiro equipo e demostran o seu potencial con goles: Amancio Amaro e Luis Veloso. No ano 1959 o déficit era de 5 millóns de pesetas. Os traspasos salvan a economía do Dépor. A melloría é notable na temporada 60/61, preludio do retorno á Primeira División. Juan Ochoa era o adestrador dun bloque formado por moitos rapaces. Amancio é traspasado ao Real Madrid por dez millóns de pesetas. A finais do ano 62, novo ascenso.
Renace a ilusión na Coruña e renace o "ascensor". Nos anos sesenta o Dépor mantén o tipo como pode. Na 62/63, en Primeira, o equipo vaise desinchando e termina caendo a Segunda División. Outro ano de espera na división de prata e Roque Olsen no banquiño devólvelles aos coruñeses a alegría do ascenso. Os mellores xogadores marchan para entidades que pagan máis cartos có Dépor. E a canteira coruñesa parece inacabable. Beci, Manolete e Pellicer suben ao primeiro equipo. Neste sobe e baixa na temporada 66/66 parece que toca tranquilidade. Tras moito resistirse, a xunta directiva decide que Jaime Blanco e Veloso sexan traspasados ao Real Madrid. A recuperación económica coincide coa tranquilidade que lle da ao clube a presencia de Antonio González como presidente. Varios reforzos poden darlle un novo aire ao Dépor: Suco, García Verdugo, Sánchez Lage e Campanal poñen os vimbios dun bo canasto. O local Sertucha sobe ao primeiro equipo na 66/67 e o equipo sofre por garantir unha praza entre os mellores de España e descende. Claro que o seguinte ano tocaba ascenso a Primeira. Chegou da man de Cheché Martín. O ano é unha fotocopia con respecto a outras temporadas. O cadro coruñés vai a menos e remata perdendo a categoría.
O período ascensorista ten o punto final en 1973 coa permanencia de dúas temporadas consecutivas dos herculinos na Primeira División. Arsenio é o encargado desta misión. O Zorro de Arteixo comenza a súa lenda nun encontro do Rayo Vallecano e o Dépor xoga dous anos na máxima categoría. A primeira das temporadas Arsenio fai un milagre cun cadro de xogadores moi xusto. A débeda do clube aumenta ata a alarmante cantidade de sete millóns de pesetas. Antonio González, presidente do club, dálle unha solución ao final de temporada coa marcha de Manolete e Beci traspasados. Arsenio marcha e o equipo descende consecutivamente a Segunda e Terceira División.
O conxunto herculino baixou á etapa máis baixa da súa historia. Nesta intrahistoria, o Dépor tivo que loitar na Terceira División e na Segunda División B. Chegaron xogadores novos, como o ferrolán Alfonso Castro, gran goleador nesta etapa do clube. Buyo será a nova pérola dun equipo que sofre ano tras ano para saír do pozo. Antonio Álvarez deixa a presidencia no ano 1980. A volta de Arsenio en 1982 coincide co relanzamento do cadro herculino. Coma doce anos antes na Segunda División A, o Dépor xógase o ascenso a Primeira en Riazor ante o Rayo Vallecano. Os coruñeses con todo a favor perden por 1-2 ante os madrileños. Moitas bágoas no vestiario deportivista. Así acabou todo. Prestixiosos técnicos volven a intentalo. Eusebio Ríos e Txutxi Aranguren tamén fracasan. Jesús Corzo toma a presidencia. O deportivismo vive con angustia cada temporada. Para salvar a categoría de Segunda A ou para buscar o ascenso a Primeira. Novamente Arsenio é o revulsivo. O Zorro de Arteixo prepara o bloque de futbolistas que formarán o Super Depor. Debutan Fran e Xosé Ramón. A Copa do Rei de 1988 sería inesquecible. O cadro coruñés é semifinalista da competición tras deixar fora a varios Primeiras como Sabadell, Real Sociedad e Mallorca. A derrota chegou en Valladolid, nun auténtico inferno para o Dépor e os 5.000 coruñeses que se desprazaron a Zorrilla.
Un ano despois Arsenio segue no banquiño e lévao a caer na promoción ante o Tenerife. Unha década enteira marchou con este partido. O malogrado Rommel Fernández sentenciou os deportivistas. Esta etapa de total rexurdimento coincide coa chegada a presidencia do club de Augusto César Lendoiro, o home do hóquei na Coruña. A modernización comeza paseniño.
Os reforzos do ascenso foron fortes: Albístegui, Yosu, Stojadinovic, Kanatlarovski, Albis, Mújika, Uralde e Villa. Na temporada 90/91 o Dépor non o pensou dúas veces. Lendoiro levaba rebaixando tres temporadas o déficit da entidade e apostou polo ascenso. Arsenio foi discutido. "Se son un estorbo, voume", dixo o Sabio. Pronto comezou a recuperación con catro victorias consecutivas que fixeron esquecer os problemas. Aboado ao sufrimento, o Dépor xógase o ascenso na última xornada do campionato en Riazor diante do Murcia. Unha tribuna ardendo presaxiaba traxedia. Logo destes problemas, dous goles de "Stoja" danlle o pase á Primeira División ao cadro deportivista. Arsenio non quere continuar e Boronat é o encargado de consolidar o equipo na máxima categoría. Pero na xornada 32 desta campaña 91/92 Arsenio volta os banquiños para salvar o descenso. Obxectivo cumprido para o Dépor.
Lendoiro aposta por Arsenio e busca as fichaxes máis caras na historia do clube. Chegan xogadores como Mauro Silva, Djukic, Bebeto, Kiriakov que forman parte da recente historia do clube polos éxitos. Na temporada seguinte, o cadro coruñés convértese no animador do campionato e na 93/94, o Super Dépor pasa a ser líder. Arsenio e os seus xamais esquecerán un penalti fallado no último suspiro da competición ante o Valencia. Aquel 14 de maio de 1994 pasou a ser o día máis triste da historia do clube. Coma o día máis feliz foi a consecución da Copa del-Rei en 1995 ante o Valencia en Madrid. A despedida de Arsenio foi inolvidable.
Os noventa son os anos do Real Club Deportivo da Coruña. Os branquiazuis rozaron o título en varias ocasións colleitando numerosas participacións europeas. Coa chegada da era das televisións e as plataformas dixitais, os grandes salvagardan a súa economía. O Dépor tamén se consolida e forma parte dos mellores equipos da Liga Española.
|