Make your own free website on Tripod.com
R. C. Deportivo de la Coruña  |     home
Liga   |   Copa U.E.F.A.   |   Copa   |   SuperCopa   |   Outros
Liga

Á parte do presente título (1999/2000), os branco e azuis poden gabarse de tres subcampionatos. Desde o seu debú na máxima categoría -tras derrotar nunha promoción o Murcia (2-1) cun gol de Guimeráns no tempo suplementario- na temporada 1941/42, trinta son as campañas do equipo coruñés na elite do balompé hispano. Nelas é obrigado salientar a época 1949/50 na que ata a derradeira xornada tivo opcións de campionato. Un mal remate de primeira parte en Bilbo dos coruñeses e un maldito segundo tempo no Metropolitano déronlle a volta á lóxica, que favorecía os galegos, concedéndolle o título ao At. Madrid. Tras tempos de tebras como equipo ascensor, e unha longa noite de 20 anos na que descendeu á Terceira e á Segunda B, chegou un balcánico de nome Stojadinovic para, logo de que ardese o beiril da preferencia de Riazor, queimar o meigallo e retornar á Primeira a costa, outra vez, do Murcia (1990/91). Arsenio facía grande a un clube que apuntaba a súper. E así foi dúas épocas despois, xusto cando abraiaba os españois guiados por Bebeto, e acadaba o primeiro liderato da súa historia na xornada 2, unha vez derrotado o Sevilla en Nervión. Os galegos, tras a fazaña de estaren 13 xornadas no comando, cederon para asinar un espectacular terceiro posto que os colocaba por vez primeira en Europa. A seguinte campaña (1993/94) foi case insuperable, rematada co desgusto do erro de Djukic no penalti contra o Valencia que lle deu o título, por mellor gol average particular, ao Barcelona, ao estaren igualados a puntos. Era o segundo subcampionato que, moralmente, representaba o título, con 25 datas ocupando o primeiro lugar.

Mais seguindo a inercia, na 1994/95 repetiron posto por segundo ano consecutivo e, por terceira vez, íalles ver as caras aos grandes do fútbol continental.